Saltar ao contido principal

Día Internacional do Libro Infantil



Mañá é o Día Internacional do Libro Infantil e na Biblioteca de Ortigueira ímolo celebrar con dúas actividades:


- O luns día 3 agasallaremos cun marcapáxinas coa imaxe do cartel a todos aqueles que utilicen o servizo de préstamo infantil ao longo de toda a xornada.

- O mércores día 5, ás 17:30 h. Charo Pita traeranos "O curral de Cocoricó" para bebés de 0 a 3 anos (precisa inscrición previa). Actividade incluída no programa "ler conta moito" da Xunta de Galicia.
  
A continuación deixamosvos ás orixes desta celebración máis o cartel e o manifesto conmemorativos deste ano.


Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

Este ano tocoulle a quenda á sección IBBY-Rusia, sendo o poeta ruso Sergey Makhotin o encargado de elaborar o manifesto, e o ilustrador Mikhail Fedorow o encargado de deseñar o cartel.



Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!

Sergey Makhotin
Traducción: Sabela González Panizo






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Trilogía de Cornish, de Robertson Davies

Ángeles rebeldes: La Universidad de San Juan y el Espíritu Santo, adormecida en su absorbente vida académica, se revoluciona con el regreso del brillante y malvado profesor Parlabane a sus góticos muros y con el complicado legado que la universidad acaba de recibir de Arthur Cornish, uno de los más importantes coleccionistas de arte canadienses del siglo XX. Las suspicacias entre los albaceas del testamento de Cornish –los profesores Hollier, McVarish y Darcourt– se acrecientan al descubrir entre los objetos del legado un manuscrito inédito de Rabelais. La codicia que va a desatar el preciado manuscrito revelará el verdadero carácter de cada uno de los personajes de la novela. Con su prodigiosa habilidad para combinar los más variados temas, Davies urde una intriga en la que nos pasea por la vida académica, el mecenazgo, la alquimia, el coleccionismo, la tradición gitana o el apasionante mundo de los lutieres. Esta novela, la siguiente que Davies escribiría tra

Que aconteceu na biblioteca nos meses de xaneiro e febreiro?

 O día 11 de xaneiro celebramos o Día das persoas usuarias da bibioteca premiando aos usuarios e usuarias que máis utilizaron o servizo de préstamo durante o ano 2022.   O día 17 levamos a cabo un obradoiro de ilustración.   En febreiro celebramos o entroido con obradoiros de disfraces os día 7 e 14.   Retomamos a campaña "Un bebé, un libro".   Celebramos o Día de Rosalía adornando a biblioteca e cunha mostra bibliográfica. Todas estas novas con máis detalle e moitas máis na nosa páxina de Facebook:  https://www.facebook.com/bibliotecamunicipaldeortigueira

Estamos de volta no blogue

Despois duns meses inactivo retomamos o blogue da biblioteca e facémolo anunciando unha actividade que se vai desenvolver no mes de xuño. Trátase dun mercadillo solidario no que a biblioteca ofrece libros procedentes dos seus fondos ou de doazóns de veciños para que poidades levar os que sexan do voso interese. A única condición é a entrega de alimentos non perecedoiros que irán destinados ao banco de alimentos xestionado polos servizos sociais do Concello. Os libros ofertados son de temática variada, desde novelas, libros infantís e xuvenís, a obras de consulta...